
Turismo da Deputación presenta unha APP para mellorar o control e a seguridade nas praias da provincia

O proxecto piloto de Ceus World implántase nas praias de Barrañán, Razo, Caión, O Vilar e Pantín para mellorar a seguridade, a comunicación e a recollida de datos en tempo real.
O Náutico de Razo acolleu esta mañá a presentación da aplicación tecnolóxica para a mellora da seguridade e a comunicación nas praias da provincia da Coruña.
Trátase dun proxecto piloto que a Deputación está a desenvolver da man da empresa Ceus World, e que se está implantando nas praias de Barrañán, en Arteixo; Razo, en Carballo; Caión, na Laracha; O Vilar, en Ribeira; e Pantín, en Valdoviño.
O vicepresidente, Xosé Regueira, e o responsable de Ceus World, David Varela, foron os encargados de explicar os detalles do proxecto, nun acto no que tamén participaron representantes dos concellos implicados.
Entre os asistentes estiveron representantes da Laracha, Carballo, Ribeira e Arteixo, vinculados ás áreas de turismo, medio ambiente, praias, protección civil e sanidade.
Seguridade, datos e planificación turística
Regueira puxo en valor a utilidade desta aplicación “tanto para a recollida de datos como para a mellora da seguridade nas nosas praias: dúas cuestións prioritarias para esta administración”.
Segundo explicou, os datos en tempo real sobre os usuarios das praias, os rescates e os incidentes permitirán ofrecer unha experiencia máis segura e analizar mellor o perfil das persoas visitantes para avanzar en estratexias de planificación turística.
O obxectivo, segundo indicou, é “que a experiencia turística sexa positiva, e que os nosos areais sigan destacando pola súa calidade e seguridade”.
Pola súa banda, o CEO de Ceus World, David Varela, destacou a importancia de que “os concellos se involucren nos procesos de salvamento e socorrismo”, e sinalou que a principal finalidade da APP é “reducir os tempos de actuación dos servizos de emerxencia, e poder coñecer de antemán que está sucedendo nas praias, o que é vital para os socorristas”.
A nivel turístico, explicou que a aplicación servirá para coñecer a procedencia dos visitantes e, ademais, para mellorar a experiencia e a seguridade tamén de persoas con discapacidade auditiva ou motora.
Regueira rematou dicindo que esperan que esta proba piloto dea resultados positivos e se poida implantar na totalidade dos areais da provincia. David Varela engadiu que, para iso, “necesitamos o compromiso de empresas e concellos, para actualizar a información e garantir a utilidade da aplicación”.
Fonte: Deputación da Coruña
https://www.dacoruna.gal/novas/ficha-noticia-reducida?id_evento=24140