
Ceus App, premiada no II Encontro de Emprendemento celebrado no Mercado de San Agustín, na Coruña

Esta fin de semana (o sábado 29) celebrouse no Mercado Municipal San Agustín (A Coruña) o II Encontro de Emprendemento, unha iniciativa do Concello que incluíu charlas inspiradoras, exposicións, networking e mesas redondas. Na xornada, que contou coa presenza da concelleira de Emprego, Comercio e Mercados da Coruña, Diana Cabanas, repartíronse 8.000 euros en premios. Un dos proxectos premiados foi Ceus App, segundo os seus creadores “a primeira aplicación do mundo que pon en contacto aos bañistas co servizo de socorrismo”.
Ceus App ofrece entre outras cousas un sistema de navegación que permite localizar as persoas que dan a voz de alarma, e máis un servizo con datos actualizados sobre as condicións dos areais, a cor das bandeiras e a exposición a perigos. Tamén centraliza alertas, partes de incidencias, control de horarios e protocolos de actuación, e achega análise de datos con intelixencia artificial.
A concelleira fixo saber que “dende o Goberno local queremos premiar a creatividade e a iniciativa dos coruñeses e coruñesas que emprenden un negocio, apostando polos seus proxectos e dándolle visibilidade a través de iniciativas coma esta». Tamén lembrou que a alcaldesa, Inés Rey, estableceu como prioridade desde o 2019 a implantación de políticas de respaldo ao emprendemento.
Neste sentido, o evento de hoxe dirixiuse a entidades que traballan no ámbito do emprendemento e a proxectos empresariais que teñan iniciado a súa actividade a partir do 1 de xaneiro de 2023, sempre que desenvolvan a súa actividade no termo municipal da Coruña.
O encontro ofreceu un espazo de exposición e interrelación entre emprendedores, entidades e o Concello, promovendo a cultura emprendedora, o intercambio de experiencias e a posta en valor dos recursos locais. Ademais, os proxectos participantes optaron a catro premios económicos: premio ao proxecto máis innovador de 3.000 euros, premio ao mellor proxecto de economía social de 3.000 euros e dous premios ao proxecto con maior impacto local de 1.000 euros cada un:
-Premio ao maior impacto local (1.000 €): Proxecto Ayendo asesorado por AECO.
-Premio ao maior impacto local (1.000 €): Proxecto Lo Próximo asesorado por Cámara de Comercio da Coruña.
-O mellor proxecto de economía social (3.000 €): Proxecto Tako Group, asesorado por Unión Espazo Coop.
-O proxecto máis innovador (3.000 €): Proxecto CEUS APP, asesorado pola UDC.
A selección dos proxectos gañadores realizouse por unha comisión de valoración composta por persoal técnico municipal e representantes das entidades participantes. Os criterios de valoración incluíron a madurez da idea, a innovación, a viabilidade técnica e económica, a experiencia do equipo e o impacto territorial.
Un artículo escrito por: S.P.
https://codigocero.com/Ceus-App-premiada-no-II-Encontro-de-Emprendemento-celebrado-no-Mercado-de-San